Proba o deporte nacional irlandés
As regras do fútbol gaélico polo miúdo
Velaquí unha guía das regras do fútbol gaélico adaptadas á competición que se desenvolve na Europa Continental. Salientámo-las diferenzas entre as normas para a competición masculina e as normas para a competición feminina así como as adaptacións precisas dos terreos de xogo existentes.
O terreo de xogo
As medidas oficiais do terreo de xogo dun campo de fútbol gaélico son de 130 metros de longo como mínimo a 145 metros como máximo, mentres que no largo son de 80 metros mínimo a 90 metros máximo. En Galicia non dispoñemos de campos desas medidas coma no resto da Europa Continental. O que facemos é adaptar campos de fútbol ou de rugbi ó fútbol gaélico. Xa que logo, xogamos sen modificar o longo ou o largo destes campos, aínda que, adaptámo-las porterías e, na medida do posible, pintamos de novo o terreo de xogo coas liñas propias do gaélico.
As liñas oficiais márcanse en cada metade do campo en paralelo á liña de fondo a 13 metros, 20 metros e 45 metros. Nos cruces de liñas nas bandas, colocamos un cono para que sexan máis visibles (en Irlanda espetan bandeiras, pero ó ser un campo máis reducido aquí, sería perigoso para os xogadores). Así pois, se o terreo de xogo dá as medidas para marcar estas liñas, facémolo igualmente. Senón, procuramos que se achegue o máis posible á medida oficial.
A portería
As porterías do fútbol gaélico constan de dous postes separados entre si por 6,5 metros cunha altura de non menos de 7 metros. O longueiro que une os postes está a 2,5 metros de altura sobre o chan. As dúas opcións que temos en Galicia para adaptarnos a estas medidas son as de aquelar unha portería de fútbol ou face-lo mesmo cuns paus de rubgi. No caso de termos unha portería de fútbol o que facemos é amarrar uns postes de pvc de non menos de 5 metros a cada un dos paus con bridas. Se o que temos son paus de rugbi, o que facemos é adaptar un longueiro cun feito de pvc ou outro material suxeito ó longueiro orixinal e ós postes (se o tiro dá no longueiro orixinal entenderase como punto).
As áreas que bordean a portería son dúas. A pequena é de 14 metros de longo e 4,5 de largo (unha axuda para pinta-las liñas é que deben de nacer a 3,75 m de cada poste da portería). A grande é de 19 metros de longo por 13 metros de largo (neste caso as liñas deben nacer a 6,25 m de cada poste).
Ademais, hai un semicírculo de 13 de radio centrado no medio da liña de 20 metros (pintado fóra da liña cara a liña de medio campo). Hai tamén unha área de 5 metros a cada lado da liña central que marca a zona de cambios. Nós non marcamos nin o semicírculo nin a área de substitucións, aínda que si procuramos face-los cambios dende a zona central do terreo de xogo.
Os xogadores, as posicións e roles
O fútbol gaélico ten unha disposición táctica tradicional. Así os xogadores en Irlanda xogan cun número ás costas que indica a súa posición no terreo de xogo (do 1 ó 15). En Europa Continental xogamos once contra once e as posicións tense que adaptar a ver reducido en catro o número de efectivos no campo. Así, as posicións son as seguintes:
-Porteiro (goalkeeper): ten un rol semellante ó porteiro de fútbol. Debe ser un bo saque a balón parado co pé e bos reflexos.
-Defensa ou zagueiro (full back): como o resto de posicións agás o porteiro, xogan nunha liña de dous na que abranguen o seu tramo de campo. O defensa non adoita a subir co balón no ataque. O seu traballo consiste en anular ó ariete do equipo rival que marca.
-Medio defensa (half back): ten que asumi-las funcións de capturar os saques de porta, anular ó dianteiro que marca e subi-lo balón ó ataque de se-lo caso.
-Medio (midfield): debe ser unha persoa alta e con bo salto. Deben capturar os balóns elevados e construí-lo ataque mais axudar en defensa.
-Medio dianteiro (half forward): xunto co medio defensa, o posto de maior mobilidade. É a alma do ataque do equipo. Debe crear ocasións para os dianteiros así como anotar a paus.
-Dianteiro ou ariete (full forward): malia ter un xogo máis estático cós medio dianteiros ou os medios defensas, pídese tamén rapidez e talento para anotar.
Nos competicións na Europa Continental (masculina e feminina) están permitidos os cambios ilimitados.
Diferenzas de campo e xogadores na competición feminina
No caso da competición feminina, as normas da GAA en Europa é que xoguen partidos de nove contra nove, se hai xente de abondo, ou de sete contra sete (o máis habitual). O campo empregado é un campo de dimensións similares a un de fútbol 7. O equipo de Madrid Harps conta cunhas porterías máis pequenas óptimas para estas dimensións que trasladan ós torneos do Campionato Ibérico. Non obstante, noutras ocasións adaptáronse porterías de fútbol 7 cos postes de pvc.
No canto das posicións, sempre con porteira e dúas medios, adáptanse ó número de xogadoras dependendo de se xogan sete ou nove.
Tempo regulamentario de xogo
Os partidos de fútbol gaélico duran 60 minutos divididos en dúas partes de 30 minutos. Nos partidos entre condados en Irlanda, a duración total é de 70 minutos. Na GAA Europa, os partidos adoitan ser de 25 minutos divididos en dúas partes de 12,5 minutos cada unha. Isto é así, tanto para homes coma mulleres, pois os torneos xóganse no formato maratón: tódolos partidos nun día nun mesmo lugar. Faise deste xeito para compensa-los dificultosos desprazamentos dos equipos. No caso de ser un partido exclusivamente, a duración é tamén de 60 minutos.
O balón regulamentario
O balón de fútbol gaélico é semellante ós antigos balóns de fútbol. Adoita ser de coiro e o peso regulamentario é dun mínimo de 450 gramos e dun máximo de 480 gramos. A circunferencia é de non menos de 68 centímetros e non máis de 70 centímetros. Este é o tamaño estándar para a competición masculina e ven marcado nos balóns como size 5. No caso das mulleres, o balón é lixeiramente máis pequeno, size 4.
As regras do xogo
O balón está en xogo logo de ser sacado despois de que o árbitro indicase o comezo ou a continuación do xogo e mantense ata que:
-O árbitro para o xogo.
-O balón sobrepasa completamente as liñas que delimitan o terreo de xogo ou derriba algunha bandeira que sinala estes límites.
-Cando alguén que non é un xogador impide que o balón saia do terreo de xogo ou toca o balón.
Cando o balón está no chan, pode ser xogado con calquera parte do corpo agás as mans. Debe ser recollido do chan co pé. Excepcións:
-O porteiro pode colle-lo balón coas mans aínda que estea no chan se está na área pequena.
-Calquera xogador que caia ó chan tendo a posesión do balón pode pasar coa man (golpeando o balón) dende o chan ou anotar a paus.
-Non se pode recoller o balón do chan cos xeonllos.
Cando o balón non está no chan, pode xogarse con calquera parte do corpo.
Cando o xogador ten a posesión do balón, pode:
-Levalo durante un máximo de catro pasos ou mantelo nas mans sen moverse por un tempo non máis longo do que lle levaría dar catro pasos.
-Facer un só (solo) dándolle co pé cara ás mans sen deixalo toca-lo chan.
-Botalo unha vez (pode volver a botalo de novo despois de facer un só, nunca pode botar de forma consecutiva).
-Cambialo de man unha vez, mantendo o contacto co balón coa man que o tiña no inicio ata que o cambio de mans se completou.
-Pasalo cun golpe de puño ou coa palma da man (neste último caso ten que ser evidente que se trata dun golpeo e non se arrastra o balón).
-Darlle unha patada co pé.
(O balón pode ser roubado das mans dun rival empregando a man aberta e impactando no balón e non no corpo do rival. Iso na competición masculina. Na feminina, cando o xogador ten o balón agarrado, non se pode tentar roubar só bloquear; é cando fai o só ou o bota cando se pode procurar roubar coa man. Nunca, nin no masculino nin no feminino, se pode rodear cos brazos ó rival, entrar con dúas mans á vez ou palmear con forza excesiva (acción na que se vexa que o defensor vai ó vulto)).
Cando o xogador non ten a posesión do balón, pode botalo máis dunha vez de forma consecutiva.
Os xogadores poden chocar ombreiro con ombreiro sempre e cando teñan sempre un pé no chan:
-Cando o rivel ten a posesión do balón.
-Cando está pasando o balón ou tirando.
-Cando os dous xogadores están indo en dirección caro o balón.
(Na área pequena, o porteiro non pode ser cargado co ombreiro, pero os outros xogadores si poden tentar roubarlle o balón coa palma da man ou tentar bloquear o seu pase).
O porteiro pode moverse na liña de gol cando se tira un penalti.
Para sacar unha falta, o xogador pode saír fóra das liñas de banda. Para un saque de banda, o xogador debe patea-lo balón dende fóra do terreo de xogo. Para calquera outra xogada, os xogadores deben manterse dentro do terreo de xogo.
Un xogador pode levanta-las mans para interceptar un saque de falta.
En construción
· Saques iniciais e de falta
O árbitro comeza o partido e reiníciao logo do descanso botando o balón ó aire entre dous xogadores (cada un na metade de campo do seu equipo) no medio do campo. O resto dos xogadores deben permanecer nas súas posicións detrás das liñas de 45 metros.
Logo dunha falta, retómase o xogo cun saque de falta onde se cometeu a infracción. Excepcións:
-Executarase penalti por unha falta agresiva na área grande ou calquera falta na área pequena. O penalti tirarase dende o punto sinalado a 11 metros da liña de gol.
-Executarase un tiro a balón parado dende o centro da liña de 13 metros por unha falta cometida na área grande pero fóra da área pequena.
-Executarase un tiro a balón parado por unha falta cometida dentro da liña de 13 metros pero fóra da área grande. Tirarase dende a liña de 13 metros á mesma altura onde a falta foi cometida.
-Cando un xogador é obxecto de falta no momento de xoga-lo balón e anota, o punto ou o gol mantéñense. Doutro xeito, o árbitro sancionará cun tiro libre onde ocorreu a falta ou onde caeu o balón ou cruzou a liña de banda se é que supón maior vantaxe para o atacante. Neste caso, se o balón superou a liña de fondo, a falta tirarase dende a liña de 13 á mesma altura por onde o balón saíu e se o balón caeu dentro da liña de 13 metros, tirarase dende esa liña de 13 metros á altura por onde pasou o balón.
-Cando a falta cometeuse a menos de 13 metros da liña de banda, o saque farase a 13 metros da liña de banda á altura de onde se cometeu a falta.
-Cando a falta cometeuse entre a liña de fondo e a liña de 20 metros, o saque farase dende a liña de 20 metros á altura de onde se cometeu a falta.
-Tódolos xogadores agás o tirador han de estar polo menos a 13 metros de onde se tira a falta (no caso dos saques iniciais, ocorre o mesmo só que poden estar os dous xogadores que saltan polo balón).
-Nos penaltis, os porteiros deben permanecer na liña de gol. Os outros xogadores, exceptuando o tirador, deben estar fóra da liña de 20 metros e do semicírculo ata que o tirador golpee o balón. Se algún defensa entra no terreo prohibido antes de que o tirador golpee o balón e non marca gol, o árbitro mandará repeti-lo penalti.
-Cando dous xogadores se fan falta simultaneamente, o xogo reiníciase cun salto entre dous.
-Un tiro de falta, excepto o penalti e o tiro de 45 metros, pode tirarse dende as mans ou dende o chan. O xogador debe indica-la súa opción ó árbitro e non a pode cambiar. O balón debe estar parado cando se tire dende o chan.
-Co consentimento do árbitro, un tiro de falta debe sacarse inmediatamente.
-Cando o balón sae pola liña de fondo botado polo equipo atacante, faise un saque dende o chan dende a liña de 13 metros dentro da área grande. Se o porteiro non é o encargado de sacar, debe permanecer na área pequena e os outros xogadores, excepto o que saca, deben estar fóra da liña de 20 metros. Neste saque pódese empregar un soporte para o balón.
-Cando o balón sae pola liña de fondo botado polo equipo defensor e non se anota punto ningún, o equipo atacante tirará dende a liña de 45 metros á altura por onde saíu o balón (sempre se tira dende o chan neste suposto).
-Cando o balón sae pola liña de banda o equipo contrario ó que o botou fóra sacará dende as mans á altura na que saíu. Se o árbitro non está seguro de quen botou o balón fóra, haberá un salto entre dous a 13 da liña de banda á altura de onde saíu o balón. Se o balón bate na bandeira do curruncho, considerarase como que saíu fóra. Tódolos xogadores agás o que saca han de estar a 13 metros da liña de banda no momento do saque.
-Se o árbitro para o xogo para atender a un xogador mancado, o partido reanudarase, cando un equipo tiña o control do balón no momento da parada, cun tiro libre dende o punto onde estaba o balón no momento no que parou o partido o árbitro, a non ser que estivese dentro da liña de 13 metros, caso no que se sacará dende a liña de 13 metros á altura na que estaba o balón. Non se pode tirar directamente a porta ou a paus neste suposto. Se ningún equipo tiña a posesión do balón cando se parou o xogo, haberá un salto entre dous á altura onde estaba o balón e sempre como mínimo a 13 metros da liña de banda.
-Se alguén que non é un xogador toca o balón nunha acción do xogo, reanudarase o partido cun salto entre dous ou, se é un tiro de falta, repetindo o tiro. Se o balón ía saír fóra, o árbitro considerará que saíu fóra.