top of page

O fútbol gaélico (en irlandés peil) é unha variante de fútbol xogada principalmente en Irlanda. É, xunto co hurling, un dos dous deportes con máis espectadores en Irlanda e o deporte nacional dese país. O fútbol xógase por equipos de quince persoas  (en Europa Continental os equipos están formados por once xogadores) nun campo rectangular con postes en forma de H en cada un dos dous extremos. O obxectivo principal é marcar pateando ou golpeando a bola coa man e conseguir que atravese a portería. O equipo que máis puntos teña ó final do partido gaña (os goles valen tres puntos e os tantos a paus, un). Os xogadores manexan o balón polo terreo de xogo cunha combinación de portar, facendo un só (soltando o balón e, sen deixalo caer, darlle co pé de novo de volta cara as mans), pateando e pasando coa man (sempre golpeando, nunca arrastrando) ós seus compañeiros.

As estatísticas amosan que este deporte foi gañando máis espectadores que calquera outro en Irlanda; os datos do ESRI indican que supón o 34% das audiencias deportivas en Irlanda, co rival máis próximo, o hurling, chegando a un 23%.

O fútbol é un dos catro deportes gaélicos organizados pola Asociación Atlética Gaélica, a organización deportiva máis grande de Irlanda, con máis de 800.000 membros. Hai unha regra estricta sobre o non profesionalismo e o cumio deste deporte é a final do All Ireland, o campionato inter-bisbarras. Crese que o xogo descende do antigo fútbol irlandés coñecido como caid, da época medieval, malia que as regras modernas non se estableceron ata 1886.

O fútbol gaélico tamén se xoga en países fóra de Irlanda, non só por membros da diáspora irlandesa. Está medrando en popularidade internacionalmente. Os equipos de Londres e Nova Iorque compiten cada ano no campionato de fútbol All Ireland, o nivel máis alto deste deporte. Un xogo híbrido, o fútbol de regras internacionais, permite partidos internacionais como as Series de Regras Internacionais entre Australia e Irlanda.

En Galicia, A Coruña Fillos de Breogán foi o equipo pioneiro (fundouse en 2010). O club medrou de tal xeito que agora conta con equipo feminino (A Coruña Fillas de Breogán) e equipo filial (Ártabros de Oleiros). Compite no Campionato Ibérico xunto co resto de equipos da Península.

Terreo de xogo

Un campo gaélico é similar ó de rugbi pero algo máis longo. O terreo é rectangular, de 130 a 145 metros de longo e de 80 a 90 metros de largo, aínda que aquí adaptamos campos de rugbi ou de fútbol. Hai postes con forma de H en cada extremo ó longo, compostos de dous postes, que adoitan ser de sete metros de alto, separados en 6,5 metros, e conectados a 2,5 metros por un longueiro. As liñas márcanse ós 13 metros, 20 e 45 dende cada liña de fondo. Os campos máis pequenos e porterías máis pequenas empréganse para o campionato feminino, xa que xogan sete contra sete.


Duración

A maioría dos partidos de fútbol sénior e xuvenil duran sesenta minutos, divididos en dúas partes de trinta, agás os partidos inter-bisbarras sénior, que duran setenta minutos (dúas partes de 35). Os empates dirímense en repeticións ou en prórrogas de vinte minutos (dúas metades de 10). Para os nenos de menos de doce anos, hai unha metade de vinte ou 25 minutos nalgúns casos. O intermedio dura sobre quince minutos. Non obstante, no Campionato Ibérico xóganse torneos en formato maratón, co que os partidos adoitan ser de 25 minutos divididos en dúas partes de 15.


Equipos

Os equipos en Irlanda fórmanos quince xogadores (un porteiro, dous laterais, un zagueiro, dous carrileiros, un central, dous mediocentros, dous aleiros, un dianteiro, dous extremos e un dianteiro centro) máis quince suplentes, dos que cinco poden ser empregados. Cada xogador ten números do 1 ó 15, comezando polo porteiro, que debe vestir unha camiseta de diferente cor á dos seus compañeiros. Na Europa Continental, os equipos fórmanos once xogadores: porteiro, dous defensas, dous medios defensas, dous mediocentros, dous medios dianteiros e dous dianteiros. A disposición é pois de cinco liñas de dous xogadores de campo. A marcaxe é individual, polo que a condición física é fundamental para facer unha defensa axeitada. Na competición feminina, as escadras son de sete xogadoras: porteira, dúas defensas, dúas mediocentros e dúas dianteiras.


Balón

Xógase cun balón de coiro composto por dezaoito paneis de coiro cosido, parecido a un balón de balonvolea, cunha circunferencia de 69 a 74 centímetros e un peso de 370 a 425 gramos cando está seco. Pode ser pateado ou pasado coa man. Un pase de man non é un golpe de calquera xeito, senón un golpe co puño pechado, empregando os cotenos.


Faltas técnicas

As seguintes son as consideradas falta técnicas:

    Colle-lo balón directamente do chan (debe ser picado ás mans cos pés). De tódolos xeitos, no fútbol gaélico feminino, pódese coller o balón directamente.
    Lanza-lo balón (debe ser pasado golpeándoo co puño)
    Dar catro pasos sen soltar, botar ou facer un só co balón (Facer un só implica patear o balón cara as mans).
    Botar dúas veces seguidas o balón (débese facer un só polo medio)
    Meter un gol cun pase (porén, o balón pode ser golpeado co puño ou con calquera parte do corpo a gol cando se remata un pase ou un rexeite)
    Balón na área ou fóra de xogo, unha regra controvertida:  se, no momento no que o balón entra na área pequena xa hai un xogador atacante dentro, pítase falta en ataque.
    Cambiar de mans: pasar o palón da man dereita á esquerda ou viceversa. Legal no fútbol feminino.

 

Marcar

Se o balón pasa por riba do longueiro, márcase un punto e o xuíz de meta levanta unha bandeira branca. O punto pode ser conseguido pateando o balón por riba do longueiro, ou dándolle unha puñada, en cuxo caso, a man debe estar pechada no momento de golpear. Se o balón entra por debaixo do longueiro, o gol, que suma tres puntos, márcase cunha bandeira verde. O gol só se pode marcar pateando o balón ás mallas, non se pode dar unha puñada á bóla. Porén, un xogador pode darlle co puño ó balón ou con outra parte do corpo e marcar gol se a bola vén dun pase doutro xogador ou se provén de dar no chan, no poste ou no longueiro antes da puñada. A portería deféndea o porteiro. Os puntos amósanse no formato {total de goles}-{total de puntos individuais}.


Entradas

O nivel das entradas permitidas é máis duro ca no fútbol, pero menos ca no rugbi.

O contacto ombreiro con ombreiro e quitarlle o balón da man o rival está permitido, pero o seguinte é considerado falta:

    Usa-las dúas mans na entrada
    Empurrar a un rival
    Golpear a un rival
    Tirarlle da camiseta a un rival
    Bloquear un tiro cos pés
    Segar
    Poñer cambadelas
    Toca-lo porteiro cando está na área pequena
    Loita-la bóla cando está nas mans do rival (agarrala)

 

Continuación do partido

    O partido comeza cando o colexiado guinda o balón cara arriba entre o catro mediocentros.
    Cando un atacante manda o balón máis aló das porterías, marcando un punto ou un gol, o porteiro debe patear o balón dende a liña de 13 metros. Tódolos xogadores deben estar máis aló da liña de 20 metros.
    Cando un defensa manda o balón máis aló das porterías, un atacante terá un "45" (libre directo) dende o campo no lugar da liña de 45 onde se foi a bóla.
    Logo de que o balón saia pola liña lateral, o outro equipo terá un saque de banda no lugar por onde saíu. Debe ser lanzado ó campo coas mans. O xogador que saca non pode sobrepasar a liña de banda mentres o fai.
    Despois de que un xogador cometa unha falta, o outro equipo terá un tiro directo. Pode patea-lo balón dende o chan ou dende as mans.
    Se un xogador sofre unha falta cando está a pasa-lo balón, o tiro libre sácase dende o lugar onde caia a bóla.
    Logo de que un defensa cometa unha falta na área pequena, o outro equipo tirará un penalti dende o chan no centro da liña de 11 metros. Só o porteiro pode estar na portería.
    Se varios xogadores están a loitar pola bóla e non está claro quen fixo falta antes, o árbitro debe lanza-lo balón ó aire entre os dous oponentes.

 

Colexiados

Un partido de fútbol é arbitrado por oito colexiados:

    O árbitro
    Dous xuíces de liña
    Árbitro de banda (só para os partidos inter-bisbarras)
    Catro auxiliares (dous en cada fondo)

O árbitro é o responsable de comezar e para-lo xogo, anotando o marcador, concedendo os tiros libres e sancionando e expulsando ós xogadores.

Os xuíces de liña son os responsables de indicar a quen corresponde sacar de banda ó árbitro.
O cuarto oficial é responsable de comprobar as substitucións e indica-lo tempo de desconto (indicado a el polo árbitro) e os xogadores serán substituídos empregando unha táboa electrónica.

Os auxiliares indican o marcador. Sinalan ó árbitro se un tiro foi: fóra (estendendo os dous brazos), un tiro da liña de 45 metros (levantando un brazo), un punto (ondeando unha bandeira branca), balón na área (brazos cruzados) ou un gol (ondeando unha bandeira verde). Unha anotación rexeitada indícase cruzando as bandeiras verde e branca.

Contrariamente á crenza popular, os colexiados non están na obriga de indicar calquera falta ó árbitro, pero se lles permite informar da conducta violenta da que sexan testemuñas e da que non se decatase o árbitro. Un liña ou un auxiliar non poden informar os árbitros das faltas técnicas como o "dobre bote" ou cando levantan de forma ilegal o balón do chan. Ese tipo de decisións só as pode tomar o árbitro principal.

¿Que é o fútbol gaélico?

bottom of page