Aro

Cal foi o teu primeiro contacto co fútbol gaélico?
O certo e que foi cando menos, algo completamente inesperado. Ía co meu irmán Brais xogar unha pachanga de fútbol, o deporte que máis masas move por aquí (agora co permiso do gaélico), e atopeime practicando un deporte que si son sincero, pensei que o acababan de inventar, ata que me decatei de que era complexo de máis para non te-la súa propia historia, resultou ser fútbol gaélico. Paseino moi ben, xoguei co equipo de rugbi do meu irmán, o Club Deportivo Zalaeta, notablemente con máis carencias técnicas que os Fillos de Breogán, pero o físico foi o que nos deu esa lixeira vantaxe no resultado dun partido un tanto trabado...
Nome: Xulio Aro Oliveira Sanjurjo
Lugar de orixe: Guitiriz (Lugo)
Nacemento: 15/03/1994
Altura: 1,87 m
Equipos: Fillos de Breogán, Ártabros
Posición: Medio
Internacional: 2012
Que é o que máis che gusta do teu deporte?
Gústame o conxunto de capacidades físicas e mentais que require: velocidade punta para escapar da túa marca no momento xusto, aproveitando os ocos, é sorprenderte ver a un xogador facendo un deses desmarques vertixinosos que fan que ata o asistente se sinta un fenómeno; potencia para correr coa posesión do balón e aguantar as cargas do rival sen que te derrube; forza, para arremeter (sempre de maneira legal) ó rival desequilibrándoo ou directamente estampando contra as gradas para recuperar o esférico; resistencia, para aguantar todo un partido, realmente intenso, esgotando o teu ultimo folgo no derradeiro segundo; técnica e visión de xogo, para distribuí-lo balón ben, xa que non e todo zapatazo, sempre fai falla alguén así, sobre todo na mediapunta (non sei ben os nomes reais das posicións, só domino ben o galego e para iso as veces véxome negro); agresividade, esa que che fai loitar tódolos balons, correr en tódalas xogadas... Pero, por riba de todo isto, quédome co compañeirismo, e a amnesia, despois do xogo, vén o terceiro tempo, no que ceamos, bebemos (algúns máis que outros), e cantamos esquecendo calquera desencontro no partido. Isto realmente é impresionante, para min, digno de probar.E un incentivo mais para seguir (polo menos a min sírveme de moito xa que non me gusta moito facer sempre o mesmo e menos en canto a deporte, polo cal me podo aplicar o de ”aprendiz de todo , mestre de nada”. Isto non é fútbol.