top of page

Aro

¿Cal foi o teu primeiro contacto co fútbol gaélico?

O certo e que foi cando menos, inesperado.  Ía co meu irmán xogar unha pachanga de fútbol, o deporte que máis masas move por aquí (agora co permiso do gaélico), e atopeime xogando a un deporte que si son sincero, pensei que o acababan de inventar, ata que me decatei de que era complexo de máis para non te-la súa propia historia, resultou ser fútbol gaélico. Paseino moi ben, xoguei co equipo de rugbi do meu irmán, tecnicamente notablemente con máis carencias que os Fillos, pero o físico  foi o que nos deu esa lixeira vantaxe no resultado dun partido un tanto trabado.

¿Lémbraste do teu primeiro partido cos Fillos?

Lembro, a miña actuación mais ben, pero en realidade non sei nin cando foi nin onde, nin contra quen. Pero eu non estaba aínda moi familiarizado co deporte e, entre os rivais, sentíame coma un año rodeado de lobos. Polo que non fixen máis que perseguir ala a onde fose a miña marca e, se recibía algún balón, trataba de face-lo pase máis doado, sen arriscar, pero iso foi só ese partido, agora xa son todo un virtuoso do gaélico… Que non ho, iso non é certo, pero a experiencia axúdache a gañar ese plus de confianza que non tes ó principio.

¿Que é o que máis che gusta do teu deporte?

Gústame o conxunto de capacidades físicas e mentais que require: velocidade punta para escapar da túa marca no momento xusto, aproveitando os ocos , é sorprenderte ver a un xogador facendo un deses desmarques vertixinosos que fan que ata o asistente se sinta un crack;   potencia para correr coa posesión do balón e aguantar as cargas do rival sen que te derrube; forza, para arremeter (sempre de maneira legal) ó rival desequilibrándoo ou directamente estampando contra as gradas para recuperar o esférico; resistencia, para aguantar todo un partido, realmente intenso, esgotando o teu ultimo folgo no derradeiro segundo; técnica e visión de xogo, para distribuí-lo balón ben, xa que non e todo zapatazo, sempre fai falla alguén así, sobre todo na mediapunta (non sei ben os nomes reais das posicións, só domino ben o galego e para iso as veces véxome negro); agresividade, esa que che fai loitar tódolos balons, correr en tódalas xogadas... Pero, por riba de todo isto, quédome co compañeirismo, e a amnesia, despois do xogo, vén o terceiro tempo, no que ceamos, bebemos (algúns máis que outros), e cantamos esquecendo calquera desencontro no partido. Isto realmente é impresionante, para min, digno de probar.E un incentivo mais para seguir (polo menos a min sírveme de moito xa que non me gusta moito facer sempre o mesmo e menos en canto a deporte, polo cal me podo aplicar o de ”aprendiz de todo , mestre de nada”. Isto non é fútbol.

¿Cal é o momento que recordas con especial agarimo?

Neste caso, non teño ningunha dúbida ó dicir que o momento que gardo con máis agarimo foi a sorpresa que me deron os meus compañeiros cando tivera unha lesión bastante dura para min, tanto física como animicamente, e antes de xogar un partido, sacaron unha pancarta dunhas dimensións considerables. Aínda a  teño pegada na parede da habitación da casa da miña nai, aínda que xa non a vexo moitas veces, se mal non recordo puña algo así: "Ánimo Aro , ti e-lo noso presente e o noso futuro". A verdade que foi moi de agradecer.

¿Algunha anécdota que salientar?

Pois unha si que hai, deuse no torneo de Madrid, no cal veu Marca facer unha mini-reportaxe na que me entrevistaron, cousa que non me esperaba. Colleume un pouco desconcertado, e parece ser que nunca saco a miña terra da cabeza que aínda estando fóra, téñoa presente xa que á pregunta “¿Cómo conociste el fútbol gaélico?” contestei todo confiado: "Un día me llamó mi hermano para jugar una pachanga aquí en la Torre”. Esta minucia fixo que algún compañeiro rirase un pouco de min, pero en fin... paréceme normal.

¿Por que debe alguén enrolarse nos Fillos de Breogán?

A pregunta non é por que debería, senón por que non debería. Se che gusta o deporte, cal e a razón pola cal non has de probar un novo?

Orixe: Guitiriz

Posición: medio

Dende: 2011

Afiliado: 1898154

Alcume: -

Xulio Aro Oliveira Sanjurjo

Altura: 1,87 m

Peso: 79 kg

Nacemento: 15/03/1994 

¿Cal é o teu equipo irlandés favorito e por que?

Esta pregunta delátame un pouco, xa que non vin na vida un partido enteiro de fútbol gaélico que non fose meu. Digamos que ve-los deportes non me tira tanto coma practicalos. Pero se hai que dicir, algún diría que os Nemo Rangers xa que veñen tódolos anos xogar contra nós, e alguns Fillos tamén se animan a ir no verán a Irlanda co mesmo fin.

¿Que futuro lle ves ó fútbol gaélico en Galicia?

O certo é que se todo segue así ten un futuro máis que frutífero, xa que cada vez hai máis equipos e o deporte é máis coñecido. Ata se nos organizou un partido para xogar coa Selección Galega fronte a Bretaña francesa, o cal, para min foi un puntazo a favor, algo inimaxinable noutros deportes, a Selección Galega poderá xogar en competicións internacionais no caso de que as haxa. Isto medra a marchas forzadas, agora só queda que veñan novas xeracións de futuras estrelas do fútbol gaélico para que isto siga tirando.

¿Cal cres ti que é o teu compañeiro máis talentoso?

Está claro, Ken. É un fóra de serie pero criouse en Irlanda e xogou dende pequeno, á parte xa non esta xogando connosco, polo cal, penso que me decanto por Fran Carreira, é un defensa que se deixa todo en cada partido e que o fai moi ben, á parte e un dos patrocinadores, hai que facerlle un pouco a pelota.

¿Cal é o Fillo con máis proxección?

Polo de agora, non me gusta dicilo, pero supoño que eu, pero non por ser mellor que ninguén, senón porque son ós meus dezaoito anos o xogador máis novo do equipo e non sei se da Península. Pero coido que isto vai durar pouco xa que estou seguro de que vai chegar xente máis nova en breve, e os anos para min tamén pasan.

¿E cal é o máis divertido?

Todos son divertidos, sobre todo en conxunto, somos como unha familia. Pero neste aspecto digamos que hai unha estrela que brilla máis cás outras: Sebas, a alma dos terceiros tempos. Non fai falla dicir nada sobre el, só hai que velo en acción.

bottom of page