top of page

Miguel

¿Cal foi o teu primeiro contacto co fútbol gaélico?

​​​​​O meu primeiro contacto real co deporte tivo lugar unha mañá  a comezos deste ano 2012 (coido que en marzo ou abril). Dani Bechler e Carlos Mariño, que levaban algún tempo co equipo, convencéronme para ir ver un adestramento e partido entre Fillos e Ártabros, que ía ter lugar en Acea da Ama. Achegueime a mirar e antes de me decatar, estaba totalmente equipado (grazas, Sebas) e xogando eu mesmo, malia non ter nin idea... A partir daquel día comecei a ir a cantos adestramentos podía, e ó cabo, a integrarme no equipo. Lembro, porén, estar parado diante dun taboleiro de anuncios da miña facultade, algúns meses antes, ollando un papel no que se podía ler “Proba o fútbol gaélico!”, e pensar: “xa non saben o que inventar”. O propio deporte (máis antigo que o fútbol continental) fíxome reflexionar.

​​

¿Lémbraste do teu primeiro partido cos Fillos?

​​​​​​O meu primeiro partido sería o daquela mañá tan improvisada, aínda que considero o meu debut formal o Torneo de A Coruña dese mesmo ano, xa que por fin coñecía as regras e podía considerarme membro do equipo.​

​

¿Que é o que máis che gusta do teu deporte?

​​​​​​A rapidez. Téndese a considerar que se trata dun xogo moi físico, pero dada a velocidade á que se xoga (ou se debería xogar), a técnica tórnase tan importante como a preparación física. Ter un bo pase, un bo desprazamento co balón e, sobre todo, unha boa visión de xogo e mobilidade é, para min, máis determinante que unha gran forza física –aínda que esta tampouco vén mal, claro-.​​

​

¿Cal é o momento que recordas con especial agarimo?

​​​​​Posiblemente ese torneo de A Coruña; o ambiente era excepcional, tanto dentro do noso equipo como entre os clubes, foi a miña primeira competición, puiden achegar goles e tantos e despedímonos dun gran xogador e mellor persoa como Ken.​​

​​

¿Algunha anécdota que salientar?

​​​​​Unha vez máis, o meu primeiro contacto co deporte; se non recordo mal era unha mañá de domingo, con algo de chuvia e despois de ter saído a noite anterior. Ir a observar un deporte do que un non tiña constancia e acabar xogando sen saber o regulamento non é algo que pase cada día.​​​

​

¿Por que debe alguén enrolarse nos Fillos de Breogán?

​​​​Fundamentalmente, o equipo necesita xente para manterse activo e dinámico. Temos algunha xente nova, como Dani, Aro, Mariño e eu mesmo, pero sempre se precisa de máis. En segundo lugar, o ambiente é excepcionalmente bo e receptivo, e resulta fácil acadar un sentido de pertenza a un grupo, no que un se involucra e participa, algo beneficioso desde o meu punto de vista. Por último, o mesmo deporte é divertido, novedoso e moi completo, e quen o proba adoita quedar satisfeito.​​​

Orixe: A Coruña

Posición: dianteiro

Dende: 2012

Afiliado: -

Alcume: -

Miguel Loureiro Hernández​

​

Altura: 1,75 m

Peso: 70 kg

Nacemento: 30/10/1991 

¿Cal é o teu equipo irlandés favorito e por que?

​​​​O deporte é demasiado novo para min como para establecer favoritismos; con todo, atopándome en Cork como estudante durante este ano, a UCC e o propio condado de Cork deben situarse alto na miña lista de afectividade.​​

​

¿Que futuro lle ves ó fútbol gaélico en Galicia?

​​​​O que a xente queira que teña. Implantar algo así non é sinxelo, pero mantelo e expandilo é, se cabe, máis complicado, e precisa da colaboración de todos. Están xurdindo moitos proxectos interesantes, e sería bonito estabiliza-lo deporte. O tempo, e sobre todo a xente, dirán.​​​

​

¿Cal cres ti que é o teu compañeiro máis talentoso?

​​​​Vexo a moitos xogadores con habilidade, mobilidade e coñecementos tácticos, pero polo pouco que eu sei,KenO’Donoghue destaca sobre calquera outro co que eu teña xogado. True Irish.​​

​​

¿Cal é o Fillo con máis proxección?

​​​​Todos temos marxe de mellora, aínda que penso que os máis novos deberíamos dar un paso adiante neste sentido. Vexo a Dani Bechler, a Mariño e a min mesmo como xente con moito camiño por diante, aínda que Aro é definitivamente superior polo momento, en técnica e en mentalidade.

​

¿E cal é o máis divertido?

​​​​Difícil decisión cando un conta con xente como Sebas, Brais, Tom ou Julián.​

bottom of page