top of page

Wences

¿Cal foi o teu primeiro contacto co fútbol gaélico?

En Croke Park, en xuño de 2010, nas semifinais do Campionato de Leinster. Vin como Louth vencía a Westmeath e como Meath arrasaba a Dublín. Dende aquela xa quedei namorado irremediablemente dese deporte. Así, comecei con esta aventura só e en outubro de 2010, nunha reunión nunha taberna irlandesa da Coruña, fundamos formalmente o club.

¿Lémbraste do teu primeiro partido cos Fillos?

Sen dúbida. Foi a comezos de 2011 na Cidade Deportiva da Torre. Algúns xogadores de Madrid Harps viñeron á nosa cidade para que xogasemos o primeiro partido antes da estrea nun torneo oficial. Había moitos Fillos xa daquela, era complicado administrármo-los minutos e o que exercía de adestrador fixo unha aliñación de doce e, ó decatarse, preguntoume a quen quitaba eu polo que quedei eu no banco, ¿quen era eu para deixar a outro compañeiro fóra? Todos xogamos e puidemos ver a Evan Lester pletórico. Temos dende entón unha grande amizade co equipo madrileño e sempre lle estaremos agradecidos.

¿Que é o que máis che gusta do teu deporte?

É divertidísimo. Non paras de correr, podes xogar o balón coa man e co pé, podes tirar a paus ou marcar gol, ..., hai tantas opcións que é imposible aburrirse. Cando botas tempo sen adestrar ou sen xogar, xa tes mono de gaélico.

¿Cal é o momento que recordas con especial agarimo?

O torneo que organizamos no verán de 2012 en Acea de Ama. Falláronnos varios clubes, pero viñeron Sant Vicent València e Madrid Harps, homes e mulleres, e foi unha xornada magnífica. Bo tempo, bo ambiente e ata bos resultados. Debutou o noso segundo equipo masculino, Ártabros de Oleiros , e fixo un gran papel. As Fillas lidiaron como puideron cos dous mellores conxuntos da liga feminina e os Fillos chegamos á nosa primeira final logo de marcar dous goles ós Harps nos dous últimos minutos do partido. Todos estabamos contentos: Madrid proclamouse campión das ligas masculina e feminina, Valencia gañou o torneo nas dúas categorías e nós xogámo-la nosa primeira final. Ademais, ó ser San Xoán, o terceiro tempo na Coruña foi brutal. Ken O'Donoghue, o mellor xogador co que tiven o privilexio de compartir equipo, foi proclamado o mellor do torneo. Seánie, o noso vicepresidente, estivo tamén, logo da cea, con toda a súa familia. Foi inesquecible. Deu moito traballo chegar a ese punto, pero mereceu a pena.

¿Algunha anécdota que salientar?

Hai moitas, algunhas alegres e outras non tanto, pero as primeiras gañan por maioría abrumadora. Cando gañamos a Naomh Fermin Pamplona no último torneo do Campionato de 2011 en Barcelona por dez puntos a un, fixemos festa no vestiario. Cantabamos e bailabamos coma posesos. Tanto que a xente fóra cría que eramos Valencia celebrando o seu primeiro título de campión ibérico. Erámo-los Fillos. Seánie dicíallo, orgulloso, ós que tiñan algunha dúbida.

¿Por que debe alguén enrolarse nos Fillos de Breogán?

Porque é a vida, esas pequenas cousas, esas paixóns ás que lle adicas o teu tempo libre, polas que loitas, polas que sofres e polas que gozas. Son esas vivenzas que lembrarás e das que poderás dicir "eu formaba parte diso". A Coruña Fillos de Breogán é un equipo dun dos poucos deportes non profesionais que quedan no mundo. Non hai estrelas, somos humildes, traballamos día a día para seguir medrando e estase a rexuvenece-lo plantel. Témo-la satisfacción de que o que vén adestrar connosco adoita repetir e quedar para sempre cos Fillos. Non somos unha familia, pero case. Logo dun tempo cos Fillos entenderás que tiñas en falta algo na túa vida. Por se iso fose pouco, competimos ó máximo nivel e non nos limitamos ó Campionato Ibérico, senón que tamén temos partidos internacionais con equipos irlandeses aquí e alá, na illa onde se xestou este marabilloso deporte.

Orixe: A Coruña

Posición: medio defensa

Dende: 2010

Afiliado: 1844415

Alcume: Wense, Madre Superiora, President Evil

A. Wenceslao García Zapata

Altura: 1,72 m

Peso: 86 kg

Nacemento: 14/08/1978 

¿Cal é o teu equipo irlandés favorito e por que?

Temos amizade cos Nemo Rangers, o mellor equipo do mundo a nivel de clubes, xogamos con eles tódolos anos e, por suposto, son seareiro deles. Tamén dos St. John's Volunteers, o equipo máis laureado do fútbol gaélico de Wexford e co que tivémo-la honra de xogar e de empatar no noso primeiro partido en terras irlandesas. A nivel de condados, síntome moi achegado a Wexford, por Seánie e por toda a familia McEvoy. Por suposto, tamén teño simpatía por Cork e por Kerry (onde coñecemos a auténticas estrelas como Paul Kerrigan ou Colm Cooper). Tamén Dublín, porque o vin xogar en Croke Park nas semifinais de 2011 antes de ser campión. Moitos como se pode ver, pero, por riba de todos, Wexford.

¿Que futuro lle ves ó fútbol gaélico en Galicia?

Depende do que estea disposta a implicarse a xente. Detrás disto hai moitas horas de traballo e sería unha mágoa que os xogadores pensasen que isto é coma un club dun deporte xa establecido como o fútbol e o rugbi. Ser un futbolista gaélico supón moito máis que só ir xogar e ós terceiros tempos. Estamos a axudar ós novos equipos que están a xurdir en Galicia indo ós seus primeiros adestramentos. Do seu respecto polo que significa aventurarse no fútbol gaélico en Galicia dependerá a súa estabilidade. Agora todo é moi prometedor e agardemos que siga así.

¿Cal cres ti que é o teu compañeiro máis talentoso?

Ata o de agora, sen ningún tipo de dúbida, Ken. É un fóra de serie, mágoa que non poida estar connosco este ano e tivera que regresar a Cork. Ken é o noso Messi.

¿Cal é o Fillo con máis proxección?

Aro. É un fenómeno. Ten todo para ser un prodixio no fútbol gaélico. De feito, xa é un dos máis destacados ós seus dezaoito anos e en Irlanda tería un futuro brillante. Ogallá veña con regularidade ós adestramentos, porque é un futbolista que marca as diferenzas.

¿E cal é o máis divertido?

A cousa está igualada porque hai un gran nivel. Quédome con Brais. É un tipo que ten unhas ocorrencias que son cousa fina. Podo botar todo un día falando con el e non me aburriría. Como di el, é un renacentista, do deporte e tamén do pensamento.

bottom of page