top of page

Kamy

¿Cal foi o teu primeiro contacto co fútbol gaélico?

O primeiro contacto con este deporte foi a través a través de Martín, que comezou a ir adestrar e viaxar co equipo e eu ía con el. Gustoume a sensación e comecei eu tamén a ir adestrar o que me permitiu estrearme como "xogadora" no derradeiro torneo do 2011, en xuño, coas xogadoras de Madrid Harps (onde me din conta do moito que tiña que aprender e adestrar).

¿Lémbraste do teu primeiro partido coas Fillas?

Por suposto. Xogamos integramente como Fillas no Torneo da Coruña (2012) e foi incrible. Antes, coa axuda de xogadoras doutros equipos do Campionato Ibérico (ás que lles estamos moi agradecidas) poidemos estrearnos nas táboas de clasificación en Barcelona e tamén en Madrid.

¿Que é o que máis che gusta do teu deporte?

A verdade é que todo. Gústame a parte deportiva e a social. O pertencer a un grupo tan variado e no que nos levamos tan ben, tamén as viaxes pola Península xogando e coñecendo xente de moitos sitios distintos (practicando o inglés que boa falta me fai) e, evidentemente, os terceiros tempos onde nos relaxamos e socializamos máis co resto do equipo e de equipos.

¿Cal é o momento que recordas con especial agarimo?

Con moito agarimo recordo tódolos momentos nos que Seánie nos daba ánimo logo de tódolos partidos e de tódolos adestramentos, eses folgos que sempre recibiamos no momento axeitado porque sempre estaba atento. Recordo o día no que os Fillos gañaron o seu primeiro partido en Barcelona en xuño do 2011. Foi incrible a ledicia que transmitían os rapaces e foi un torneo moi emotivo. Outro dos grandes momentos foi cando poidemos presentar un equipo só de Fillas no noso torneo vendo a familiares e amigos animarnos e vernos xogar por primeira vez, para min foi o torneo máis especial.

¿Algunha anécdota que salientar?

Cando un árbitro nos explicou as normas ás Fillas porque tiñamos moito "roce" co resto de equipos e logo, cando remataron os nosos partidos o home púxose a ensinarnos exercicios de adestramento para mellorar, foi un momento... raro.

¿Por que debe alguén enrolarse nos Fillos de Breogán?

Porque somos un equipo que está medrando onde todos e todas encaixamos. Somos un bo grupo co que pasalo ben, xogar a algo distinto, viaxar e, sobretodo, porque hai que probalo! non se pode describir!

Orixe: Lugo

Posición: polivalente

Dende: 2010

Afiliado: 1998307

Alcume: -

Carmen Fernández Traseira

Altura: 1,70 m

Peso: 80 kg

Nacemento: 04/09/1984 

¿Cal é o teu equipo irlandés favorito e por que?

Non teño ningún favorito, supoño que os primeiros que me veñen á memoria son Dublín e Donegal porque foron os primeiros que vin en Croke Park. Outros son cos que temos algún tipo de relación como poden ser os Nemo Rangers de Cork ou os St. John's Volunteers de Wexford, pero non sigo tanto o deporte como para ter un favorito.

¿Que futuro lle ves ó fútbol gaélico en Galicia?

En Galicia están a aparecer varios equipos nos últimos meses graciñas, sobre todo, ó bo traballo de divulgación que se fixo dende Fillos así que penso que ten un bo futuro nestas terras polo menos no terreo masculino. O tema feminino é outra cousa xa que é máis complexo que as rapazas se animen a xogar (Animádevos!).

¿Cal cres ti que é o teu compañeiro máis talentoso?

Sen dúbida Ken. Con Ken no campo todo ía sobre rodas e notábase en todo o campo a súa presenza. Se tivera que dicir alguén do plantel actual non sabería quen dicir, tan só sei que agora os Fillos son máis un equipo e xogan moito máis compenetrados e iso é máis importante ca que sobresaia unha soa persoa.

¿Cal é o Fillo con máis proxección?

Eu diría que posiblemente son Aro e mais Dani Bechler porque son os máis novos e penso que aínda poden dar máis e chegar a se-los mellores..

¿E cal é o máis divertido?

Depende o tipo de humor que che guste porque tanto en Fillos como en Fillas hai moita retranca e moito humor. Se tivera que nomear a alguén co que me río a miúdo pode que dixera algún dos irmáns Oliveira ou o party player Sebas.

bottom of page