top of page

Patri

¿Cal foi o teu primeiro contacto co fútbol gaélico?

Penso que a primeira vez que escoitei falar deste deporte foi a través dun cartel que vimos nun pub irlandés Alberto e mais eu. Falaba dunha reunión á que decidiu asistir, non sen antes “embarcar” a Martín. Teño que confesar que o día da reunión, no piso de abaixo estabamos Kamy e eu ríndonos do frikis que eran, que só lles faltaba ir tamén a un curso de espada medieval que viran por aí... hahahahaha. ¡Non sabería dicir quen é máis friki dos dous agora mesmo!

¿Lémbraste do teu primeiro partido cos Fillos?

Por suposto, lémbroo coma se fose hoxe. O noso debut foi no Torneo da Coruña deste ano 2012. A verdade é que foi un día cargado de emocións e o pasei moi ben, pero tamén é certo que tiven momentos de crise. Levaba tempo motivada co debut, adestrando sempre que podía, ía ó ximnasio, a correr,… tiña todas as miñas esperanzas postas nese torneo, o NOSO torneo. Supoñía moita responsabilidade, había que deixar ás Fillas nun bo papel e había tamén moito que organizar para que todo saíse adiante, pero tal e como saíron as cousas, todo o esforzo mereceu a pena.

¿Que é o que máis che gusta do teu deporte?

Un dos puntos que máis me gusta deste deporte é que vén de Irlanda, e desde sempre teño unha paixón especial por esas terras. Ademais diso, é un deporte moi entretido e divertido, no campo non te podes parar nin un momento e tes que estar cos sentidos ó 100%. Outra cousa que destacaría é que, a estas alturas da vida, non contaba con aprender un novo deporte e te-la oportunidade de crecer man a man no primeiro clube de Galicia.

¿Cal é o momento que recordas con especial agarimo?

Cando lin esta pregunta, volvín ó Torneo de Barcelona deste ano 2012 cando Rosa, a muller de Seánie, deume unha grande aperta dándome a noraboa polos partidos e animándome. É ben certo que o necesitaba porque nos partidos pásoo mal, síntome impotente e ás veces enfádome comigo mesma por non ter feito máis pero por sorte nun intre ese sentimento tórnase en ledicia polo momento que estamos vivindo. Gustaríame destacar tamén o momento no que vin a Seánie coa súa familia logo da cea do torneo. A pesar de estar delicado de saúde, sempre ten un sorriso e boas palabras para nós, sobre todo para o seu olliño dereito, as Fillas de Breogán.

¿Algunha anécdota que salientar?

Agora mesmo venme a mente o día da semifinal do All-Ireland en Croke Park. Estabamos sentados xusto detrás duns rapaces que ían con Donegal, estaban totalmente equipados e emocionados, deixando os pulmóns para animar ós seus. Nós pola contra animabamos a Dublín e cada vez que nos escoitaban mirábannos dun xeito… ¡as súas caras eran dignas de ver! A min prestábame seguir cantando polo pique que tiñamos con eles, haha… (seino, sempre fun un pouco infantil)"

¿Por que debe alguén enrolarse nos Fillos de Breogán?

Creo que formar parte dos Fillos de Breogán vai máis aló de xogar nun equipo de fútbol gaélico. Todos somos iguais e temos un papel fundamental no club, polo que temos que avanzar unidos para sacar adiante este grande proxecto e garantir así o seu futuro. Por iso, calquera que teña interese por formar parte desta andanza recibirá unha agarimosa benvida e un anaquiño do club do que estar orgulloso.

Orixe: A Coruña

Posición: polivalente

Dende: 2010

Afiliado: 1998311

Alcume: Lady Leñas

Patricia García Sánchez

Altura: 1,64 m

Peso: 56 kg

Nacemento: 15/02/1985 

¿Cal é o teu equipo irlandés favorito e por que?

A verdade é que non me podo decantar por un equipo polo seu xogo, pero si pola “amizade” que nos une con algúns deles, coma os Nemo Rangers ou os St. John’s Volunteers. Ámbolos dous portáronse moi ben connosco e axudáronnos a que isto medrase dándonos a oportunidade de xogar con e contra eles e incluso visitándonos con todo o que iso supón.

¿Que futuro lle ves ó fútbol gaélico en Galicia?

Non hai moito tempo, o futuro se centraba no noso club, pero graciñas ó esforzo, interese e traballo dalgúns parece que está a medrar coa formación de novos equipos. De todas formas, como xa comentei anteriormente, todos temos que traballar para manter o que temos e seguir adiante. Non vai depender tanto do número de equipos ou de xogadores, que é obvio que é imprescindible, senón da implicación de cada un deles e das gañas de que isto se consolide. Os rapaces xa van ben encamiñados para seguir crecendo, pero as rapazas aínda precisamos un grande empurrón para consolidarnos.

¿Cal cres ti que é o teu compañeiro máis talentoso?

Probablemente Ken foi o xogador que mellor xogou dentro do equipo, pero non só polo seu talento neste deporte, senón pola súa actitude de compañeirismo e a súa paciencia. Aínda así para min o máis talentoso sen dúbida, é Alberto. (Síntoo, pero xoga con vantaxe).

¿Cal é o Fillo con máis proxección?

A verdade é que Aro lémbrame ós rapaces que un día tivémo-la oportunidade de ver xogar en Irlanda, tan alto e áxil como eles. Penso que con constancia e traballo pode chegar a xogar moi ben. Con respecto ás rapazas, creo que Marta non tivo oportunidade de amosa-lo que pode facer por culpa das lesións, pero penso que en canto estea recuperada ó 100%, farao moi ben..

¿E cal é o máis divertido?

Sen dúbida, quedo con Brais, ten unhas saídas únicas, comentarios e intervencións dignos de escoitar. A min persoalmente, resúltame moi divertido e moi natural.

bottom of page