Brais

¿Cal foi o teu primeiro contacto co fútbol gaélico?
Fun presa fácil para o inxenio de captación de Wences, o seu dominio dos medios de masas e a súa forma de xogar coas cores e as texturas prendeu en min como chispa nun palleiro.
¿Lémbraste do teu primeiro partido cos Fillos?
Non o lembro. O que si recordo é o meu primeiro partido contra Fillos. A primeira vez que xoguei fíxeno nas filas do meu club de rugbi, o CD Zalaeta e lembro que a arbitraxe fora bastante permisiva co contacto físico o que nos deu unha vantaxe que rentabilizamos no marcador.
¿Que é o que máis che gusta do teu deporte?
O fútbol gaélico pode ser por momentos tan adrenalínico como un partido de baloncesto e iso e algo que non pasa en moitos deportes. Alén diso, merece a pena xogar en Fillos de Breogán á marxe de calquera disciplina por quen forma este club xa mítico na Península Ibérica polo seu bo ambiente e camaradería férrea.
¿Cal é o momento que recordas con especial agarimo?
Recordo unha treboada de saraiba que lle poñía os pelos de punta a Breogán mesmo na súa pétrea presenza aló na rotonda da Torre, e como foi aquel o día que Seánie nos viu visitar despois da súa convalecencia. Moitos valentes fomos correndo á cafetería Roma e entramos alí mollados como pitos e coas botas de tacos para desgusto do xefe e para ledicia de toda a familia dos Fillos de Breogán. Ese foi un momento tremendo sobre todo polo significado de ter ó noso vicepresidente con nós de novo e dando guerra.
¿Algunha anécdota que salientar?
Non sabes canto amas este deporte ata que Sebas espértate a sopapos mentres dormes coma un anxiño e el volve dun dos seus terceiros tempos que se tornan cuartos ou quintos tempos. Pasoume nun albergue de Barcelona e non sabía se estaba soñando ou que. Logo espertou un inglés de dous metros que lle afeou a conduta e lle respondeu en perfecto inglés ¨te voy meter un fotón¨ e o fulano deuse a volta e non quixo saber nada máis do tema. Eu que xa papara algún, entendino perfectamente.
¿Por que debe alguén enrolarse nos Fillos de Breogán?
Porque para unha cousa que engancha e é saudable, pois haberá que aproveitala.

Orixe: Guitiriz
Posición: medio
Dende: 2011
Afiliado: 1898212
Alcume: -
Brais Oliveira Sanjurjo
Altura: 1,84 m
Peso: 88 kg
Nacemento: 17/04/1985
¿Cal é o teu equipo irlandés favorito e por que?
Nemo Rangers, eles veñen xogar á Coruña a Copa Breogán, e eso fai que a gratitude e dalgún xeito a ¨amizade¨ persoal faga que lle desexe a ese equipo sempre o mellor.
¿Que futuro lle ves ó fútbol gaélico en Galicia?
O fútbol está callando moi ben sobre todo en xente de mediana idade que parecera que quere xogar por razóns alleas ó deporte ou pensando en destacar en algo no que apenas atoparán competencia. O futuro ten necesariamente que pasar por enganchar xente nova en plenas capacidades físicas que se enganchen nisto de xeito exclusivo e aumenten a competencia facendo medrar o nivel ata algo que se poida equiparar a outros deportes con máis tradición no país. Será bo para todos e para a Selección que a todos nos representa. Creo que estamos no bo camiño pola recente agromar de clubes e o entusiasmo que poñen, e pola próxima apertura da Escola Universitaria na Coruña.
¿Cal cres ti que é o teu compañeiro máis talentoso?
A miña resposta sería que hai moitas formas distintas de ser talentoso, pero resulta que tiven o pracer de xogar xunto a un fenómeno como Ken que eclipsaba realmente polo seu talento, e aínda que agora está en Eire, sempre será o meu compañeiro máis talentoso.
¿Cal é o Fillo con máis proxección?
O meu irmán Aro ten todo da sua parte e chegar a a ser tan bo como lle dea a gana por ter o morfotipo, a garra e o ímpetu necesarios, pero tamén en Miguel teño postas moitas esperanzas xa que é novo e está xogando en Irlanda, o cal lle pode dar un salto de calidade grande. Espero que non se agobie pola presión se le isto.
¿E cal é o máis divertido?
Hai un grupo humano moi divertido en xeral. Non se aprecia o humor de Jorge, pero o día que aprendamos a escoitalo gañaremos un compañeiro entrañable.