Jorge

¿Cal foi o teu primeiro contacto co fútbol gaélico?
A primeira vez que oín falar do fútbol gaélico foi a fin de semana no que se disputaba a primeira edición da Copa Breogán, en setembro do 2011, onde os Nemo Rangers viñan dende Irlanda para xogar cos Fillos. Andei buscando información por internet sobre o deporte e púxenme en contacto co equipo para probar. Pareceume unha experiencia moi boa, facer un deporte diferente e coñecer xente nova.
¿Lémbraste do teu primeiro partido cos Fillos?
Lémbrome perfectamente tanto do primeiro partido amigable entre Fillos e Ártabros, coma o primeiro partido oficial con Fillos no torneo de Sevilla en febreiro do 2012, contra Valencia. Tiven que cubrir a un paisano moi parecido a Rudi Völler e acabei ata os collóns (¿pódese dicir collóns nesta interviú?) de velo meter tantos dende o quinto carallo.
¿Que é o que máis che gusta do teu deporte?
O que me gusta principalmente é que é unha mistura de varios deportes que me gustan bastante, é rápido, e sobre todo é algo diferente, fora do convencional, iso paréceme moi orixinal.
¿Cal é o momento que recordas con especial agarimo?
Pois o primeiro torneo que disputei, en Sevilla, foi moi bonito ver a tódolos Fillos xuntos, coma un equipo, aínda que perderamos tódolos partidos, mostramos unha mellora moi salientable e como dixen naquel momento, serémo-los peores xogando ó gaélico, pero ninguén nos gaña en unión e compañeirismo.
¿Algunha anécdota que salientar?
Nun adestramento recente, Pedro Alberte e mais eu, puxémonos de acordo para levar as camisetas do Celta e do Real Madrid, respectivamente. Tiveron moi boa acollida e fixeron a súa función, espabilaron á xente e adestraron máis forte.
¿Por que debe alguén enrolarse nos Fillos de Breogán?
Penso que se alguén quere practicar un deporte diferente en equipo, onde a idade non é o máis importante, que queira pasar un bo anaco de tempo nos adestramentos e mellores nos terceiros tempos, debe probalo.

Orixe: A Coruña
Posición: medio dianteiro
Dende: 2011
Afiliado: 1975005
Alcume: Prosinecki
Jorge García de Villaescusa Núñez
Altura: 1,82 m
Peso: 95 kg
Nacemento: 07/02/1985
¿Cal é o teu equipo irlandés favorito e por que?
Non teño ningún equipo irlandés favorito, pero se teño que dicir algún, faríao polas cores que leven, e nese caso sería Dublín, porque leva as cores favoritas do noso presidente Sebas, o azul celeste.
¿Que futuro lle ves ó fútbol gaélico en Galicia?
A verdade e que nestes tempos están a xurdir equipos por Galicia e a cousa ponse moi bonita, pero coido que non vai ser nada doado que todos eses proxectos funcionen se non traballan ó longo do tempo e sobre todo se non queren seguir as normas da GAA. Ollo coa xente da Estrada, que está moi tola e igual montan un equipo por barrio. Están a facer un traballo impresionante e sería moi bo que os demais equipos que están a xurdir se fixasen neles, son un auténtico exemplo.
¿Cal cres ti que é o teu compañeiro máis talentoso?
Sigo considerando a Ken como compañeiro aínda que estea en Irlanda, polo tanto, para min é o mellor. Falando dos que están, teño que dicir que cando o físico lles acompaña, hai moitos xogadores con talento, como Alberto e Martín no ataque, Bruno e Brais no medio ou Julián na defensa, aínda que a este último tamén lle ten que funcionar a cabeza.
¿Cal é o Fillo con máis proxección?
Tanto Aro coma Dani Bechler teñen moita calidade e xuventude, cousa que non podemos dici-la maioría dos dinosauros que conformámo-lo equipo..
¿E cal é o máis divertido?
Que me aspen, este trofeo lévao Brais.