top of page

Rubén

¿Cal foi o teu primeiro contacto co fútbol gaélico?

O meu amigo de toda a vida, Wences, comezou co proxecto e estiven con el dende o principio. Estiven na reunión fundacional e na medida do posible impliqueime co equipo. Lamentablemente, non dispoño de todo o tempo que quixese para asistir a tódolos adestramentos e partidos do equipo.

¿Lémbraste do teu primeiro partido cos Fillos?

Foi un encontro contra os Madrid Harps na Cidade Deportiva da Torre, o primeiro partido de fútbol gaélico da historia de Galicia. Tamén lembro a nosa estrea nun torneo oficial, en Sevilla, pouco despois daquel primeiro partido ante os Harps. Nese torneo de Sevilla só anotamos un punto en tres encontros, arrasáronnos. Anotei ese punto, pero, loxicamente non marchei contento do noso rendemento, como o resto de compañeiros, porque daquela non nos enterabamos de nada. Afortunadamente o nivel mellorou e agora xa podemos competir con dignidade con xogadores irlandeses.

¿Que é o que máis che gusta do teu deporte?

Á parte do dinámico que é, sobre todo, compartir con amigos meus de toda a vida que tamén se meteron nesta aventura. Os comezos foron difíciles, pero se tes ó teu carón xente na que sabes que podes confiar, todo é máis doado. A amizade está por riba do deporte.

¿Cal é o momento que recordas con especial agarimo?

O torneo de Sevilla, ese no que debutamos. Para nós todo era novidade daquela. Iamos xogar un campeonato fóra da Coruña, tan lonxe, sen saber realmente o nivel dos nosos rivais. Fixo falta pouco tempo para que nos decataramos de que había moito que mellorar e que adestrar. Non obstante, foi o noso inicio e, malia os resultados, a experiencia foi moi positiva. Sempre ten que haber unha primeira vez para todo e ese foi o noso bautizo gaélico.

¿Algunha anécdota que salientar?

Nun partido que xogamos amigable co equipo de rugbi do Zalaeta no noso primeiro ano. Aínda non andabamos moi soltos co do fútbol gaélico e ós do rugbi permitímoslle saltarse moitas regras. Eles están máis afeitos ó contacto físico e ás veces a dureza sobrepasaba o regulamentario. Tanto que eu rematei o encontro cunha costela rota. Iso si, non puideron evitar que lles anotase cinco goles. Ó final perdemos porque eramos aínda uns aprendices e eles estaban moito máis en forma. O certo é que lles estamos moi agradecidos por toda a axuda que nos deron dende o principio.

¿Por que debe alguén enrolarse nos Fillos de Breogán?

Primeiro, por practicar deporte. Por só 40 € ó ano podes adestrar dúas veces por semana e competir ó máximo nivel que hai en Europa neste deporte emerxente. Poucas ofertas hai así. Logo diso, polo grupo que forman os Fillos de Breogán. Non é o mesmo entrar nun club no que non hai garantías do que vas atopar ca vir aquí. O ambiente é excepcional e anima sempre a repetir. O mellor para saber que non minto é probalo, achegarse a un adestramento dos Fillos e ós terceiros tempos.

Orixe: A Coruña

Posición: dianteiro

Dende: 2010

Afiliado: 1844527

Alcume: -

Rubén Rodríguez Negro

Altura: 1,83 m

Peso: 75 kg

Nacemento: 02/03/1978 

¿Cal é o teu equipo irlandés favorito e por que?

Ningún. O certo é que non sigo o fútbol gaélico de Irlanda como algúns dos meus compañeiros nin tampouco fun xogar a Irlanda con eles. O meu equipo favorito son os Fillos de Breogán.

¿Que futuro lle ves ó fútbol gaélico en Galicia?

Graciñas ó traballo que realizou, está a realizar e realizará Wences, moito. Adícalle horas, ilusión e sufrimentos para que todo saia adiante. O resto temos que poñer máis da nosa parte, pero ben sei que é complicado, porque moitos, como é o meu caso, non dispoñemos de tempo para facelo.

¿Cal cres ti que é o teu compañeiro máis talentoso?

Óscar. É o pichichi e o que máis gol ten do equipo. Chegou a anotar dende 45 metros dous goles. Iso é algo moi complicado de ver. As ocasións que ten soen acabar en puntos para os Fillos.

¿Cal é o Fillo con máis proxección?

A miña filla Sofía. Un dos motivos polos que non teño tempo para o equipo é a miña paternidade e ben que me alegro de ser pai. A mágoa é que entre o traballo e a filla o día non dá para máis. Pero talvez no futuro sexa unha Filla de Breogán.

¿E cal é o máis divertido?

Sebas, o novo presidente. É o rei da festa. Preguntádelle ó resto de equipos que opinan, seguro que teñen a mesma impresión ca min.

bottom of page